PAMELIA KURSTIN

CLIENTE: FESTIVAL ESPAZOS SONOROS

CONCEPTO: Obradoiro de theremin.

DATAS:

_mércores 5 de outubro /// MARCO, Vigo >> De 18.00 h a 20.00 h. Acceso libre até completar capacidade.

_xoves 6 de outubro /// Cidade da Cultura, auditorio da Biblioteca de Galicia, Santiago de Compostela >> De 18.00 h a 20.00 h. Acceso libre até completar capacidade.

Pamelia Kurstin:

Naceu en California, en 1976. Está especializada na interpretación deste curioso instrumento, o theremín, co que ten feito gravacións e numerosas actuacións canda artistas como David Byrne, Richard Cheese, Béla Fleck and the Flecktones, ou Ulver. A súa formación como contrabaixista de jazz permitiulle desenvolver a súa propia técnica para o theremín, conseguindo nas súas interpretacións e improvisacións un alto nivel de creatividade.
O seu primeiro contacto co theremín foi durante a produción do disco Into the Oh, do dúo Geggy Tah, co cantante e escritor Tommy Jordan e o teclista Greg Kurstin, en 1999. No ano 2000 Pamelia, como membro do dúo The Kurstins, acompañada de Greg, daquela marido seu, grava o álbum Gymnopedie. O primeiro álbum como solista edítao no 2007, co selo Tzadik. Coa súa orquestra de theremíns compuxo música para un especial da CNN e participou no documental Moog, sobre a figura do inventor de instrumentos electrónicos Robert Moog. O propio Moog dixo de Pamelia que era a mellor intérprete de theremín que escoitara nunca.

O theremín:

É un instrumento musical inventado polo físico e violonchelista ruso Lev Sergeievitch Termen (posteriormente coñecido como León Thérémin) en 1919. O theremín ten a particularidade de que se toca sen contacto físico directo, é dicir, sen tocalo.

Trátase dun instrumento electrónico dotado de dúas antenas que crean un campo electromagnético modificado polo intérprete coas súas mans. Achegando ou separando a man a unha das antenas, aumenta ou diminúe a frecuencia do son, o que produce notas ou máis agudas ou máis graves. Coa outra antena sucede algo parecido, pero co volume. O son do theremín ten un lixeiro vibrato e aseméllase á voz dunha soprano ou ao son dun violín.

O instrumento foi empregado en multitude de películas dos anos 40 e 50 para producir efectos ou crear determinados ambientes, pero tamén chamou a atención de compositores como Edgar Varèse, que compuxo para dous theremíns, baixo, metais, teclados e percusións a súa obra Ecuatorial, en 1934.

Fotos